29.6.09

APOI




Hai un pouquiños días que ven de presentarse o APOI, Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, no Museo do Pobo Galego. As primeiras aportacións, proceden da man de Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini). Eles consideran esta cesión ( 600 cintas magnetofónicas), como un feito no que farán regresar estas gravacións ao pobo do que saíron. Este é, sen dúbida, un grande xesto de xenerosidade pola súa parte.

A páxina web do APOI promete ser unha ferramenta valiosa. Persegue os seguintes obxectivos:

1. Dixitalización dos materiais orixinais cedidos polos compiladores; os orixinais e unha copia dixitalizada devólvense aos seus propietarios.
2. Edición das gravacións.
3. Transcrición dos materiais musicais.
4. Confección do arquivo sonoro. Creación da base de datos referencial e documental anexa aos rexistros de son.


No arquivo sonoro poderemos buscar obras a partires da temática, informante, compilador, íncipit melódico, escalas, instrumentos, tipo de copla, tipo de refrán...

O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) xorde como consecuencia da evolución do proxecto Sons e Voces da Identidade, o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego pon a andar en abril de 2007. Un arquivo destas características, público e accesible desde calquera lugar do mundo e que dá conta da autoría das achegas que se incorporan, pasará desde o Museo a ser un arquivo do pobo galego que teña a ben participar nel. Estamos fronte a un intento de que a obra dunha institución poida vivir e medrar por si mesma, porque a fagan medrar os seus usuarios, mais aló de onde ela mesma podería chegar, e darlle con iso á propia institución o maior dos pagos, o de facer o país polo que ten sentido que exista.


A máis sinceira noraboa por este proxecto, gracias por compartilo, e ánimo a todos aqueles que posúen deste valioso material e poidan, nun futuro achegárnolo a todos.

No hay comentarios: