16.4.10

Hands Symphony


6.2.10

Asa2musica

Asa2música: Este é o título do blog que temos no blog da aula de música de Asados (Rianxo). O nome foi suxerido por unha das nenas que o ano pasado estaban na escola. Se queredes ver o moito e ben que traballaron os nenos e as nenas do CEIP Ana María Diéguez para o festival de Nadal, teredes que visitalo. Todas as actuacións estaban relacionadas coa chuvia.

Tic-Tac


Xa hai unhas semanas que que quería mostrarvos o último traballo de Pablo Díaz, "Tic-Tac". Polo de agora, traballei dous temas cos nenos de Infantil e 1º Ciclo e 2º Ciclo, e están sendo un éxito!!. As ilustracións, persoalmente, gústanme moito!


De manivelas


O ano pasado nun mercado de antigüedades, merquei o rolo dunha pianola do "Claro de Luna" de Beethoven, e estou agardando o momento para mostrarllo aos nenos na clase de música. Ademáis pensara en buscar algo como o mecanismo das caixas de música para facer máis completa a actividade. Creo que xa teño o complemento perfeto: Germán Díaz. Xuzgade vós mesmos.
Por certo, coma sempre, admítense suxerencias...

11.12.09

Así fan os bailadores



Hoxe fun á presentación do "Así fan os bailadores", no Museo do Pobo Galego. Xa teño un exemplar nas miñas mans, e invítovos a todos a coñecelo. Preséntase como un libro+cd+dvd e ofrece un amplo e variado material con moitas posibilidades para empregar na aula.

Así fan os bailadores, "quere ser unha invitación ao singular e fascinante mundo do baile tradicional e popular galego".

-O traballo introdúcese cunhas recomendacións de uso e unha presentación e explicación dos cinematogramas.
"A cinematografía é un sistema descoñecido nesta terra, e hai entre nós aínda pouca xente capaz de descifralo(...) É un método de representación do movemento creado por Rudolf Laban a comezos do século XX.
Esta forma de escritura é hoxe en día a máis estendida por todo o mundo, e adáptase moi ben á especial linguaxe do movemento dos bailes e danzas tradicionais, sendo ferramenta cotiá na súa transcrición e estudo"



R. Laban e o seu sistema de escritura
















- Os bailes que se amosan neste traballo, distribúense e clasifícanse en: bailes-xogo, Representación e Movemento, Agarrados, Danzas e Bailes soltos.

O libro consta de transcripcións musicais en partitura, diagramas e cinematogramas, fotografías, ilustracións e explicacións. No DVD pódense ver tódalas danzas realizadas por nenos e con músicos en directo. Inclúese tamén o CD coa música . Edita Dos Acordes

Unha volta polo medio,
outra polo arredor-e.
así fan os que ben bailan,
así fan os bailadores

Vaia dende aquí a máis sinceira NORABOA a Sergio de la Ossa, Xabier Iglesias, János Fügedi e Juan Parga, autores deste estupendo traballo.

Saúdos. Irene

20.11.09

"Contos e coplas de estrelas"



Mañá sábado, 21 de novembro, a Delegación Institucional do CSIC en Galicia e a Universidade de Vigo coa colaboración da Radio Galega, farán a presentación dun proxecto moi orixinal. Co gallo da celebración do Ano Internacional da Astronomía “Contos e Coplas de Estrelas”, inclúe a tradución ao galego do libro de Rosa María Ros, "Cuentos de Estrellas"e inclusión dun conto galego. A este libro, acompáñalle a edición dun CD que recompila coplas tradicionais que fan referencia aos astros e ao cosmos. O grupo de música popular Adonairare de Vilaboa (Pontevedra), interpreta coplas, cantos de berce e cantos de reis típicos da cultura tradicional galega, recollidos previamente e clasificados por zonas xeográficas. O CD preséntase cun libreto coas letras das coplas e pequenas explicacións científicas a referencias astronómicas que se fan nas coplas Este proxecto engloba ciencia, literatura e música.
O acto de presentación terá lugar na Fundación Pedro Barrié de la Maza en VIgo, e consisitirá nun concerto de presentación do material. A entrada é libre ata completar o aforo.

19.11.09

NOTE FLIGHT. Editor online de partituras




Noteflight é unha aplicación web para editar partituras. Isto significa que non precisamos instalar ningún programa no noso equipo. Así, en calquera lugar (con conexión a internet), podemos editar as nosas partituras de xeito moi sinxelo e completo. Ademáis, a esta aplicación súmaselle un carácter de "rede social",xa que podemos compartir as nosas partituras e tamén disfrutar das partituras dos demáis (se as fan públicas). O banco de partituras é bastante amplio, tendo en conta a curta vida da aplicación. Poden reproducirse directamente desde o navegador, publicarse online ou imprimirse en papel. Gracias ao código "embed", pódense insertar as partituras en blogs ou páxinas web.


Podes disfrutar de noteflight con só rexistrarte. A min, particularmente, pareceume moi interesante e novedoso.

1.10.09

Festa dos axóuxeres


Outro ano máis, vense de celebrar por diferentes cidades e vilas galegas, "A Festa dos axóuxeres". Para os que o vistes e tamén para os que non, tedes as letras e as músicas das cancións nesta páxina. Ademáis, atoparedes o material dos axóuxeres de anos pasados. Aínda que este espectáculo está pensado para bebés, dan moito xogo para as aulas de infantil, xa que se traballan colores, formas, medios de transporte...

30.9.09

Silbo Gomero, Patrimonio Intanxible da Humanidade




Sempre me gustou asubiar... e cando era cativa todos me dicían que parecía un home, vaia, que asubiar era cousa do xénero masculino!!,pero nunca puiden resistirme a asubiar e tampouco a escoitar aos bos asubiadores. Hoxe foi declarado Patrimonio da Humanidade o "Silbo Gomero", singular linguaxe coa que se comunican os habitantes da Illa da Gomera.
Hoxe quedei gratamente sorprendida cando escoitei que os nenos desta illa aprenden o "Silbo" na escola. A corporación insular está a realizar importantes esforzos para a difusión do silbo mediante o proxecto denominado "Procesamiento Cognitivo e Representación Cortical do Silbo Gomero", en colaboración coa Universidade da Laguna, e que que ten como obxectivo o coñecemento científico do silbo.
O silbo Gomero formou parte dunha obra sinfónica gracias a un encargo do Cabildo da Gomera a compositora Laura Vega

29.6.09

SILVESTRISMO



Totalmente alucinada quedei cando vin, case sen querer un programiña da TVG, "Couto Vivo" (13-6-2009), no que se lle adicaba un espacio ao Campionato Autonómico de Silvestrismo celebrado en Narón. O silvestrismo consiste basicamente en capturar, seleccionar, educar o canto, hibridar e finalmente concursar con paxaros. Está considerada coma unha arte ancestral de cría e coidados en cautividade de paxaros de campo. Todos estes elementos, dentro duns límites marcados pola normativa en cuestión de vedas, especies... Pero o que máis impresionada me deixou foi a existencia dun código específico para o recoñecemento dos cantos, e un sistema de puntuación para estes. Podedes velos perfectamente no programa da TVG. Unha vez feito este descubrimento, púxenme a investigar sobre o tema. Os aficionados ao silvestrismo comparten arquivos en mp3 coas diferentes cantadas, co fin de conseguir adestrar aos seus paxaros.

Facendo memoria, veume inmediatamente á cabeza Olivier Messiaen, quen compuxo música escoitando e transcribindo o canto dos paxaros, que tanto lle fascinaban. "Réveil des oiseaux" , "Catalogue des oiseaux", "Oiseaux exotiques" , "L'abîme d'oiseaux", "Dawn chorus", "Fauvette des jardins", son obras de Messiaen inspiradas no canto de paxaros do mundo.



Despois, conversando con Óscar, nun momento deses de fervedura mental, propúxome algunha obra máis relacionada co tema, e que eu non coñecía, como por exemplo, ésta de Clement Janequin


Como curiosidade, non deixedes de coñecela. Ave Lira


Trasladando todo isto á aula de música, poderiamos seleccionar multitude de actividades nas que incluír reclamos, construcción de instrumentos, etc... ocórrenseme moitas cousas que facer , pero seguro que vós podedes aportar máis, así que vos invito a que as compartades!

APOI




Hai un pouquiños días que ven de presentarse o APOI, Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, no Museo do Pobo Galego. As primeiras aportacións, proceden da man de Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini). Eles consideran esta cesión ( 600 cintas magnetofónicas), como un feito no que farán regresar estas gravacións ao pobo do que saíron. Este é, sen dúbida, un grande xesto de xenerosidade pola súa parte.

A páxina web do APOI promete ser unha ferramenta valiosa. Persegue os seguintes obxectivos:

1. Dixitalización dos materiais orixinais cedidos polos compiladores; os orixinais e unha copia dixitalizada devólvense aos seus propietarios.
2. Edición das gravacións.
3. Transcrición dos materiais musicais.
4. Confección do arquivo sonoro. Creación da base de datos referencial e documental anexa aos rexistros de son.


No arquivo sonoro poderemos buscar obras a partires da temática, informante, compilador, íncipit melódico, escalas, instrumentos, tipo de copla, tipo de refrán...

O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) xorde como consecuencia da evolución do proxecto Sons e Voces da Identidade, o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego pon a andar en abril de 2007. Un arquivo destas características, público e accesible desde calquera lugar do mundo e que dá conta da autoría das achegas que se incorporan, pasará desde o Museo a ser un arquivo do pobo galego que teña a ben participar nel. Estamos fronte a un intento de que a obra dunha institución poida vivir e medrar por si mesma, porque a fagan medrar os seus usuarios, mais aló de onde ela mesma podería chegar, e darlle con iso á propia institución o maior dos pagos, o de facer o país polo que ten sentido que exista.


A máis sinceira noraboa por este proxecto, gracias por compartilo, e ánimo a todos aqueles que posúen deste valioso material e poidan, nun futuro achegárnolo a todos.

16.5.09

Desculpade...estou actualizando a plantilla e faltan moitas cousas que irei repoñendo...outras cambiarán. Espero que os cambios sexan para mellor.

11.5.09

Un selo violeta!!


Musicaporuntubo está de festa porque ten a honra de recibir un premio importante. O SELO VIOLETA. Este premio concedeumo un blog moi especial: "Castelo de Aldara", e fíxome unha ilusión tremenda.

E mentras escribía este post, xusto mentres o escribía, chegoume outro selo violeta... guau!!!! esta vez, do "Mundo de Bernal", que me parece o blog máis simpático da globosfera!!

Vou a aceptar o premio con moitísima alegría, pero para iso terei que cumprir unha serie de requisitos:
- Exhibir o Selo Violeta no blogue xunto coas regras.
- Indicar cantos blogues consideramos que merecen este selo.
- Avisárllelo aos blogues indicados.
- Escribir dous poderes máxicos que imaxinamos ter.
Vou concederlle este premio a:
"Facemos música"

E non sei se as normas o permiten, pero encantaríame mandarlle o selo ao Castelo de Aldara e ao Mundo de Bernal

Gustaríame ter estes dous poderes máxicos:
- Viaxar no tempo.
- Ter unha variña máxica que limpe toda a casa por min.

1.5.09

13 lúas


Primeiro foi O quiquiriquí, despois Pelo Gato 24.
Veño de pasear nun día ben bonito, e tamén de dárlle unha ollada á Feira do Libro de Santiago. Hoxe é primeiro de maio e sempre lembro o ben que o pasaba eu cantando coas nenas no "Maio da Bruxa". Casualmente, o día de hoxe merquei 13 Lúas. É o novo traballo da Asociación de Gaiteiros Galegos. Este proxecto, trátase novamente dun CD-DVD, onde se atopan cancións adicadas ao ciclo do ano. Moito máis non podo contar porque nin o escoitei enteiro... só o tempo que me levou chegar á casa no coche, así que xa me comentaredes o que vos parece.
Un saúdo

26.4.09

Musicontos. Real Filharmonía de Galicia






Nótase que hoxe tocou sesión librería... e atopei algunhas cousas novas que non coñecía, e unha delas é esta colección que xa está en marcha. Musicontos. Editada por Galaxia

A editorial inicia unha nova colección, Árbore Musicontos, nun ambicioso proxecto nacido da colaboración coa Real Filharmonía de Galicia quen puxo o marco musical.
Literatura e música danse a man neste musiconto (libro+CD), de tal xeito que o lector-oínte gozará dunha experiencia estética a varios niveis: o pracer dun conto
ben escrito, o pracer dun conto ben narrado, e o pracer da música, que actúa coma un soporte perfecto para toda a historia.


Polo de agora podemos atopar:

O debut de Martino Porconi
Neira Cruz, Xosé Antonio

O prodixio dos zapatos de cristal
Neira Cruz, Xosé Antonio

Un bico de amor e vida
Neira Cruz, Xosé Antonio

O blog de Mamá Cabra


O que non sabía era que Mamá Cabra ten un blog... deixo a enlace, non esquezades visitalo porque aquí atoparedes cousiñas que non están na súa páxina

25.4.09

Todos os animais ó caixón. Mamá cabra e Susa Herrera


Primeiro foi "cartas que veñen e van", e agora "Todos os animais ó caixón". Mamá cabra e Susa Herrera veñen de presentar esta semana o seu novo proxecto. Nesta ocasión, Susa Herrera fixo as cancións sobre os contos "Cu-cú sorpresa" de Combel. Todos estes contos, que por certo, son desplegables, teñen un animal como protagonista, e cada páxina, correspóndose cunha estrofa da canción. Pode atoparse en galego e en castelán. Os contos só están en castelán. Publica a editorial coruñesa Primera Persoa.
Podedes ver xa algúns videos uqe están colgados na rede.

23.4.09

Ilustración e música





Unha das cousas que máis me gusta ao navegar por internet, é visitar sitios sobre ilustración. Claro que, presto especial atención cando as imaxes teñen que ver coa música. Xa en entradas anteriores acheguei algunhas relacións da música con outras artes, especialmente coa pintura e a foto.
Quero mostrarvos a fermosura dalgunhas das obras de Leandro Lamas.

21.4.09

Un merecido Pedrón de Ouro


Despois de moitos anos traballando e percorrendo a xeografía galega para recuperar o patrimonio oral de Galicia, Mini e Mero, reciben un merecido recoñecemento: O Pedrón de Ouro. Entregaráselle o premio o día 24 de maio, nun acto que terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón.
Dende musicaporuntubo, unha especial noraboa, non só polo premio, senón por toda a súa traxectoria.

14.4.09

Señor Mundo, dígame?

Tiven o gusto de participar neste proxecto compoñendo a súa música, así que déixovos unha referencia para que o poidades ir ver se vos apetece. Está recomendado para nen@s de 2-6 anos, mais eu creo que pode gustarvos a todos.


Señor Mundo, dígame? É un recital de poesía a partires de dous poemas que Paula Carballeira regalou a A Factoría Teatro. Son 50 minutos á procura da palabra, un recital tolo de poesía, de poesía sonora, de poesía visual… un regalo de sensacións para os sentidos.
Eleximos a poesía porque ten sonoridade, ritmo e porque podemos deconstruíla e inventala, podemos xogar con ela. A música para crear ambientes e sonoridades que nos transporten á natureza:, polos seus catro elementos: Terra, Aire, Auga e Lume.

a factoria teatro
Comeza a súa andaina na primaveira de 1992. Nace pola necesidade dos seus compoñentes de crear un espacio de difusión e potenciación da creación teatral contemporánea dentro dun traballo de investigación no mundo artístico e pedagóxico. Así oito anos mais tarde, inaugura o asesoramento pedagóxico no departamento de teatro dentro da A Artística teatro e danza ,xestionado por A Factoria Teatro e Disque Danza un espacio adicado ao fomento das artes escénicas, en especial ó teatro e á danza contemporáneas, sito en Vigo. A Parties do 2006 colabora directamente con Disque Danza na producción, e comeza un traballo de investigación con artistas de varias disciplinas, videocrecion, plásticos, vestiario, música, danza…como Xoan Anleo, Andrea Costas, La Canalla, Olga Cameselle, Xesús Valle, Ughia Pedreira....


Os nosos vixiantes visitan :
A Coruña os dias 28 e 29 de Marzo no Teatro do Andamio
En Santiago os día 19 de Abril en Arteria Noroeste
En Vigo o 17 de Maio no Verbum

15.1.09

calendario 09

Coma tódolos anos, a páxina musick8 ofrécenos o calendario do ano 2009, en formato PDF. Disfrutádeo e sacádelle partido!!

10.12.08

cantosencantos...contosencantos

Hoxe regaláronme o libro-cd-dvd da editorial OQO, "Contos en cantos" de Almudena Janeiro. En principio, esta entrada ía destinada a que coñecesedes esta nova publicación. Trátase de cancións sobre os contos desta editorial. No libro atópanse as letras coas ilustracións dos contos. O DVD contén todas estas cancións en Karaoke. Penso que pode ser moi útil, sobre todo para as clases de educación infantil. Se traballamos o conto antes, marabilloso...



Comecei a buscar algo máis de información sobre este traballo, cando gracias a un erro, fixen UN GRANDE DESCUBRIMENTO!!!!, "cantosencantos", é unha páxina na que atoparedes infinidade de recursos, e o máis interesante é que podemos descargar moitísimas cousas dun xeito ben rápido e sinxelo. Botei un vistaciño aos recursos de Nadal... UFFFFFF.... unha barbaridade de músicas de moitos países que podedes descargar. é un pouco tarde se queredes empregar este material para este Nadal, pero bueno, para outros anos... Disfrutade da páxina!!

19.11.08

Escoitar


Últimamente atopo cousas ben bonitas... ésta é unha delas! A páxina http://www.escoitar.org/ preséntasenos como un mapa interactivo no que podemos achegarnos a diferentes lugares e escoitar sons do máis diverso. Escoitar.org defínese así:

Unha aproximación ao son dun lugar é unha aproximación ao seu patrimonio. Percibir, comprender e concibir a nosa identidade sonora, a dos nosos lugares e as nosas xentes, a súa coherencia e idiosincrasia, é un exercicio necesario e saudable. Escoitar.org é un proxecto de dinamización social aberto e libre cuxo obxectivo principal é a difusión e promoción do fenómeno sonoro e a súa exploración con fins sociais e documentais. Podes participar engadindo as tuas gravacións.

18.11.08

Orella Pendella

Case dun xeito accidental, buscando uns versos que lembraba a medias... atopei esta estupenda páxina. A min paréceme xenial, ao mellor porque a literatura popular infantil, e en especial a lírica popular para nenos, de nenos e sobre nenos... gústame moito, sobre todo para empregar na aula de música. Creo que é esencial traballar con ela na etapa infantil e nos primeiros anos da primaria, aínda que os maiores tamén lle saquen proveito. Nunha entrada anterior de musicaporuntubo sobre a lírica popular infantil, comentabamos algúns libriños interesantes sobre o tema, pero ... Ao que iamos... Orella Pendella é unha páxina na que atoparedes ditos, recitados e cancións infantís, clasificados por temas, e o que é máis interesante, está aberta a todo tipo de comentarios e colaboracións, facendo posible que esta fonte de recursos vaia crecendo. Noraboa polo traballo.

13.11.08

Educaldea

"Educaldea é un proxecto de educación activa, criado por docentes do C.E.P Brea Segade de Taragoña, Rianxo, que pretende dar ás nosas crianzas ferramentas de traballo alén das aulas, fortalecendo valores que consideramos básicos na formación de calquera persoa: así, potenciamos o ecoloxismo, a defensa do patrimonio material e inmaterial, a imaxinación e o respecto e amor polo pobo e as súas xentes"

Ademáis de visitar esta interesante páxina onde podedes ver o traballo desenvolvido dende este centro, recoméndovos que botedes unha ollada ao traballo discográfico que recentemente se realizou " Son de Rianxo". Máis de sesenta gaiteiros novos do concello de Rianxo, facendo a música que lle aprenderon aos vellos mestres.
No apartado de unidades didácticas, podedes atopar unha guía con información adicional e outras actividades relacionadas co CD "Son de Rianxo", así coma outras unidades sobre música e outras materias.

20.10.08

FACEMOS MÚSICA

Que alegría me da!! Este novo blog, FACEMOS MÚSICA que acaba de nacer, será, seguro, moi interesante. Dígoo porque Laura é unha estupendísima mestra (integrante da Banda de música de Visantoña,8º membro desa fabulosa familia "Pazos Pintor", e agora tamén saxofonista no seu grupo Tromentelos Chispum) que de seguro amosará cousas ben bonitas. Creo que está pensado para ser un blog de aula, así que será marabilloso poder coñecer e compartir as súas experiencias. Algún día, musicaporuntubo debería facer un blog de aula, pero como isto comezou sendo unha idea de un colectivo..., déixoo aí, por se vos animades.
E voltando ao de antes, moitas noraboas por animarte, Laura.

Yoshihiro Kawasaki. Acqua-scape.


O xaponés Yoshihiro Kawasaki, inxeñeiro de son e creador sonoro especializado en proxectos para Internet relacionados con grabacións ambientais de entornos urbanos e rurais, como SoundBum, reúne esta vez co seu último proxecto, Acqua-Scape os sons de auga de distintos lugares do mundo. Pódese o estanque de Sanshiro na Universidade de Tokio, que recolle as augas pluviais da capital; el Suikin-kutsu, do templo de Shokokuji en Kyoto; e unha fonte da ciudade de Mumbai (India).

16.10.08

AULA-BLOGUE

Este blog de María, unha mestra de Educación Infantil do colexio Emilia Pardo Bazán da Coruña, foi para min un descubrimento. Ademáis da súa calidade, case podo palpar dende aquí, cómo é a súa aula cada día. As nubes viaxeiras son un exemplo do que podemos facer cos alumnos, as novas tecnoloxías, a danza e a música...un punto de vista ben diferente ao que acostumamos a ver, esta vez se cadra moito máis próximo á realidade dos nenos.

15.10.08

Accuradio


Accuradio, marabillosa páxina na que poderedes escoitar aquilo que vos pete, do estilo que queirades. Realmente é unha radio, na que só tedes que rexistrarvos para podela usar. Rock, Pop, Jazz,Clásica, Country, Reggae, música do mundo... No momento no que
esteades escoitando aparece na pantalla unha ficha na que tedes toda a información do que sona. No caso da música clásica, as versións son todo un luxo,e creo que é un xeito diferente de achegarse á música que non coñecemos.

Saúdos, e mil perdóns por ter o blog tan descoidado...